Unha delegación do concello de Pájara e do Cabildo de Fuerteventura visitará Valdoviño para coñecer os seus recursos e proxectos socioeconómicos

O encontro enmárcase nunha serie de visitas institucionais dos representantes canarios a diversas localidades galegas

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, xunto ao seu equipo de goberno, recibirán este martes a unha representación de autoridades locais e persoal técnico de Fuerteventura, para un intercambio de experiencias de xestión municipal. Valdoviño, xunto ao municipio de Cedeira, son dúas das vilas escollidas na nosa comarca para a visita desta delegación, que coñecerá distintas localidades galegas durante dúas semanas, para identificar modelos de xestión local transferibles ao seus territorios.

No caso de Valdoviño, os asuntos de interese que serán expostos á delegación canaria son os relativos ao sector do surf, o marisqueo e o potencial da riqueza paisaxística relativa aos areais.

Así, visitarán Valdoviño, o alcalde de Pájara, Pedro Armas Romero; o concelleiro de Tráfico, Policía e Praias, Raimundo Dacosta Calviño, e o secretario do Cabildo Insular de Fuerteventura, Miguel Ángel Rodríguez Martínez.

A xornada comezará cunha recepción no Cámping A Lagoa, en plena contorna da praia da Frouxeira, na que se identificarán os puntos de interese relativos para ambas partes. Se ben para Pájara o interese está focalizado no surf, nas praias e no marisqueo, Valdoviño está interesado en coñecer da experiencia canaria a xestión de parques naturais de interese xeolóxico, de cara á súa participación no proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal,  como o programa de divulgación ambiental “Geolodia”, a rede de rutas, o centro de recuperación da fauna silvestre, a normativa de protección de arborado, e de goce de praias, a xestión do banco de terras e outros programas de educación ambiental, que podería implantar no CPI Atios e no CRA. Na área deportiva, interésanlle diversos programas como o da rede de deportes náuticos: semana azul, actividades extraescolares e a xestión de campionatos deportivos.

A sesión da mañá continuará coa visita á praia de O Rodo, en Pantín, na que terán ocasión de falar coas escolas de surf emprazadas nesta zona, para desprazarse despois ao banco marisqueiro de Vilarrube, onde serán recibidos polas mariscadoras a pé e coñecerán as especies, os aparellos, e as características da Reserva Mariña, unha das dúas únicas zonas de protección ambiental neste eido clasificadas pola Xunta de Galicia na nosa Comunidade Autónoma.

Xa pola tarde, continuará a xornada cunha visita guiada ao Océano Surf Museo, único equipamento en España dedicado ao surf, no que se lles explicará a concepción do proxecto, as vías de financiamento e apoios que tivo, ademais da implicación do sector na xeración de contido museístico. Finalizará a sesión na contorna da Capela do Porto, onde a Asociación de Percebeiros de Meirás dará a coñecer a súa actividade extractiva que realizan dende a embarcación.

Esta visita responde ao interese que provoca en terras canarias o potencial do surf e os atributos diferenciais de Valdoviño relativos ao seu litoral e chega nun momento moi oportuno, xa que o concello está a finalizar o proxecto “Valdoviño Futuro”, un diagnóstico participativo no que a veciñanza, asociacións, empresas locais, persoal técnico e representantes municipais están a contrastar o informe de necesidades do territorio, identificando posibles alternativas de mellora de xestión.