Un total de 240 deportistas daranse cita este domingo na IX Volta ás Forcadas
A recollida de dorsais poderá realizarse dende as 10:00 h no punto habilitado xunto ao campo de fútbol Juan Sabín
Valdoviño, 11 de xuño do 2026. Pechado o prazo de inscricións, o Concello de Valdoviño daba a coñecer esta mañá os rexistros de participación na IX edición da Volta ás Forcadas, que se celebrará este domingo 14 de xuño. A cita deportiva reunirá finalmente a 240 atletas, mantendo así rexistros positivos especialmente na categoría absoluta, con 157 persoas inscritas. Está organizada pola Concellería de Deportes de Valdoviño, co apoio da Deputación da Coruña e da Federación Galega de Atletismo, e inclúese no circuíto provincial de carreiras populares.
A Volta ás Forcadas está aberta a todas as categorías, con diferentes distancias segundo as idades. Dende os 100 metros dos biberóns ata os 9 km da absoluta. Saída e meta estarán situadas nas inmediacións do campo de fútbol Juan Sabín-O Lameiro, e o percorrido transcorrerá entre as parroquias de Loira e Vilaboa, coas paisaxes do encoro como compañeiras.
A recollida de dorsais poderá realizarse dende as 10:00 horas, e ata 45 minutos antes da saída de cada categoría. As categorías base arrincarán de forma escalonada a partir das 11:00 horas, e as sénior, a partir das 12:00 horas.
Un ano máis, o Concello quere agradecer a colaboración da Cooperativa de Vilaboa na cita, así como o apoio de Policía Local e Protección Civil no operativo. O regulamento pode consultarse na web www.carreirasgalegas.com.
