Un roubo na caseta de socorrismo de Vilarrube deixa este sábado sen servizo de salvamento á praia

As casetas de aseos da praia do Río, en Meirás, rexistraron tamén actos vandálicos

Valdoviño, 11 de xullo do 2026. O Concello de Valdoviño informaba esta mañá o roubo rexistrado na caseta de salvamento da praia de Vilarrube. O asalto produciuse ao longo da noite despois de que alguén rompera o fiestra do módulo de madeira que utiliza o persoal de socorrismo para levar boa parte do material de protección e comunicación. A Policía Local acudía ao lugar e procedía á toma de imaxes de cara á próxima denuncia que se presentará ante a Garda Civil.

O alcalde, Alberto González, explicaba esta mañá que o acto vandálico, que deixou sen material de salvamento ao areal, un dos máis concorridos do municipio, impide o labor dos socorristas. Por este motivo, durante toda a xornada ondeará no areal a bandeira vermella.

Dende a administración local insisten na gravidade do sucedido pois pon en risco a seguridade de bañistas e outras persoas usuarias do areal que poidan sufrir calquera tipo de emerxencia.

Aseos da praia do Río

Non foi a única incidencia rexistrada nos areais durante a noite. Na praia do Río alguén rebentou as portas da caseta de aseos situados na zona de Lavacerido – Motivo polo que a instalación quedará inutilizada- e forzou a dos servizos situados no acceso situado nas inmediacións do camping.

Dende o Concello de Valdoviño solicitan colaboración á veciñanza co fin de proceder á identificación das persoas responsables destes dous actos vandálicos.