Un Océano de posibilidades: dinamización do Océano Surf Museo

Trátase dun proxecto presentado polo concello de Valdoviño e financiado polo GALP A Mariña – Ortegal

Valdoviño, 12 de novembro do 2024. O proxecto “Un océano de posibilidades” traballará durante as próximas dúas anualidades na dinamización da actividade do Océano Surf Museo (OSM); o primeiro e único museo do territorio nacional dedicado exclusivamente ao surf.

Este museo está dedicado a unha das actividades deportivas de maior peso social e económico na vila, símbolo da súa identidade local: o surf.  O obxectivo xeral do proxecto é impulsar e dinamizar o Océano Surf Museo como elemento do patrimonio material local vinculado ao mar a través de actividades que promovan a importancia da cultura do mar, o coidado do medio mariño e a realización de actividades deportivas náuticas na contorna de xeito responsable e respectuoso.

Esta proposta trata de achegar o traballo de valorización e divulgación que se desenvolve dende o museo a diferentes públicos clave, logrando así un beneficiario colectivo. As accións estarán enfocadas, polo tanto, á posta en valor do patrimonio litoral, dos recursos naturais costeiros e da actividade surfeira, así como á sensibilización e concienciación co coidado do medio, poñendo o foco na contaminación e os seus efectos na biodiversidade e na contorna.

«Un océano de posibilidades» é un proxecto impulsado polo Concello de Valdoviño para a obtención das axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través do GALP A Mariña – Ortegal.