Un dos foodtrucks de “Galicia Sabe a Mar” ofrecerá o martes en Valdoviño degustacións de pinchos gratuítos con peixes e mariscos galegos
Permanecerá na Porta do Sol durante toda a xornada
Valdoviño, 8 de marzo do 2023. Un dos foodtrucks da campaña «Galicia Sabe a Mar» recalará o vindeiro martes 14 de marzo en Valdoviño para ofrecer degustacións gratuítas á cidadanía de pinchos elaborados a partir de produtos certificados do mar de Galicia. Unha iniciativa coa que a Consellería do Mar, co apoio do Concello, busca incidir na importancia de comer peixes e mariscos, e ao mesmo tempo, difundir a gran variedade de produtos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición dos e das consumidoras.
Así, o foodtruck de «Galicia Sabe a Mar» trasladarase a Valdoviño o vindeiro martes, 14 de marzo, para permanecer durante toda a xornada, en horario de 12:00 a 15:00 e de 16:30 a 19:30 h, na Porta do Sol -na explanada sita fronte á Casa Joselito.