Un centenar de persoas tomarán parte este sábado na XXIII Andada a Santo André
Organizada polo Concello de Valdoviño, os romeiros e romeiras partirán da Porta do Sol ás oito da mañá para cubrir os 24 km ata o santuario
Valdoviño, 27 de setembro do 2024. Un ano máis, o Concello de Valdoviño cubría prazas na Andada a Santo André que organiza cada setembro. Os dous autocares contratados para a volta virán completos, sumando así o centenar de persoas participantes. Todas elas partirán este sábado ás 8:00 horas da Porta do Sol nunha marcha que alcanza neste 2024 a súa 23ª edición.
Por diante terán 24 quilómetros, nun itinerario no que haberá diferentes puntos de avituallamento, coincidindo coas paradas tradicionais nalgúns dos principais lugares de interese do camiño en Valdoviño. Entre eles, a Ermida de Liñeiro, coñecida popularmente como a Capela da Fame, xa que os romeiros aproveitaban a visita para comer e repoñer forzas na súa peregrinaxe, ou Porto do Cabo, cuxa ponte medieval danos entrada ao municipio de Cedeira e onde as caldupeiras recibían aos romeiros cunha cunca de caldo quente coa que darlles novos folgos no seu camiño. Así mesmo, o departamento municipal de Cultura, que promove a iniciativa, anuncia algunha «sorpresa» polo camiño.
Ademais, prevese que romeiros e romeiras cheguen ao santuario ao mediodía, e xuntos, compartan xantar na área recreativa próxima. O regreso está previsto, xa en autocar, sobre as 18:30 h.