Un centenar de atletas tomarán parte este domingo na XI Milla Urbana de Valdoviño
A cita celebrarase a partir das 11:20 h no paseo marítimo da Frouxeira
Valdoviño, 20 de setembro do 2024. Un centenar de atletas de todas as idades tomarán parte este domingo na XI Milla Urbana do Concello de Valdoviño. A cita organizada pola Concellería de Deportes co apoio da Deputación celebrarase no paseo marítimo da Frouxeira. Por iso, a estrada que bordea praia e areal quedará cortada ao tránsito rodado dende o parque infantil -e ata o inicio do paseo de terra- dende as 10 h. A esa mesma hora, abrirase o posto informativo no que os e as corredoras deberán retirar dorsais, e a partir das 11:20 horas, comezará a disputarse a milla, con saídas escalonadas segundo a categoría.
Nesta línea, a Concellería de Deportes avanzaba leves modificacións nos horarios para tentar reagrupar categorías e dar axilidade á proba. Así quedarían as saídas: benxamín (11:20 h), Alevín e Infantil (11:30 h), Cadete, xuvenil, junior e promesa (11:40 h), Senior e Veteráns (12:00 h) e Biberóns (12:20 h).
As distancias varían dende os 100 ata os 1.609 metros, segundo a categoría dos e das participantes, e ao remate das carreiras, entregaranse medallas para todos os nenos e nenas da modalidade biberón, e tamén aos tres primeiros clasificados, feminina e masculina, do resto de categorías.
Por último, o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, quixo agradecer moi especialmente a colaboración tanto da Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil como da Policía Local no dispositivo de seguridade que se activa durante a proba.