Últimos días para sumarse a EspadEla: Escola de Apoderamento Feminista de Mulleres do Rural

A inscrición pode realizarse enviando un email a servizos.sociais@concellodevaldovino.com ou no 981 48 70 41 ext.5

O prazo para sumarse ao proxecto EspadEla: Escola de Apoderamento Feminista de Mulleres do Rural conclúe este venres, 25 de setembro, polo que o Concello de Valdoviño anima a anotarse xa a través do correo servizos.sociais@concellodevaldovino.com ou chamando ao teléfono 981 48 70 41 extensión 5. A través de EspadEla ofrécense 4 obradoiros que combinarán formación presencial no local social de Vilaboa e a distancia. Son os seguintes: “Con voz propia” (4 horas); “Enredad@s” (8 horas); “Habitando o noso corpo” (4 horas) e “Saberes en común” (4 horas).

-“Con voz propia”:  traballarase arredor da autoestima, da participación, do liderado e da prevención de violencias machistas. Abordarase o recoñecemento persoal das mulleres como suxeitos de dereitos políticos, sociais e civís.

-“Enredad@s”: centrado nas novas tecnoloxías, realizará unha aproximación ás posibilidades que ofrece Internet e as redes sociais traballando o manexo práctico de dispositivos móbiles que facilitan a comunicación e o traballo en rede.

-“Habitando o noso corpo”: arredor do autocoñecemento, o autocoidado e a expresión emocional. Utilizaranse ferramentas da biodanza, da atención plena e do ioga integral, como medios para chegar a esta conexión sempre dende o goce e o autocoidado.

-“Saberes en común”: recuperación e posta en valor de saberes, coñecementos e experiencias das mulleres sobre os diversos traballos que desenvolveron ao longo da súa vida, así como do territorio que habitan.

ESPADELA

EspadELA nace en 2018 impulsada pola cooperativa Arabías da man do Sindicato Labrego Galego e financiada pola Deputación da Coruña. Un proxecto co que crear espazos de traballo no plano persoal para mellorar as condicións de vida das mulleres do rural, coa intención de que estas mudanzas podan espallarse e compartirse nunha rede de sororidade e recoñecemento feminino. A primeira edición e a segunda da escola desenvolveuse nos municipios de Arzúa, Ordes, Betanzos e Moeche obtendo altos niveis de participación e satisfacción por parte das mulleres participantes. Nesta terceira, bota a andar en As Pontes, Cabanas e Valdoviño.

 

.