Últimos días para participar en Valdoviño Futuro sumando opinións e propostas veciñais para o futuro plan de desenvolvemento sostible
As persoas interesadas en colaborar co proxecto poden cubrir os formularios habilitados polo Concello na web municipal
O Concello de Valdoviño informou esta mañá de que o próximo martes 20 de outubro concluirá o prazo para participar na fase de diagnose do proxecto Valdoviño Futuro. Por iso, anima á cidadanía, persoas empadroadas e residentes, así como a profesionais e empresas a aportar a súa visión e propostas a través dos cuestionarios habilitados polo Concello na web municipal (https://www.concellodevaldovino.com/o-concello/plan-de-desenvolvemento-sostible/ ). Servirán de base para elaborar as liñas mestras a seguir nos próximos anos en materia socioeconómica baixo unha marca territorial que posicione ao municipio. Liñas que perseguen asentar poboación, atraer habitantes, visitantes e emprendedores.
A través dos mesmos, estase a recoller información sobre a percepción social de Valdoviño, de cara a identificar os seus atributos diferenciais e potencialidades, as políticas públicas municipais e os retos que ten que asumir o Concello dentro das súas competencias e áreas de xestión, especialmente nun momento como o actual, que alterou as necesidades e urxencias. Tamén sobre as necesidades formativas, de innovación, asociacionismo, investimento… de asociacións e empresas. E, en paralelo, nesta primeira fase estanse a manter xuntanzas co persoal político e técnico. Así mesmo, en decembro realizarase un foro de debate con grupos reducidos sobre diversas temáticas.
A diagnose xeral do territorio contemplará as debilidades a corrixir ou puntos febles de carácter interno sobre os que o Concello pode actuar; ameazas a afrontar, obstáculos, eivas externas sobre as que é máis complexo intervir, se ben se analizarán os interlocutores doutras instancias e/ou organismos; fortelezas a manter, elementos positivos que dependen da Administración local; oportunidades a explotar, factores externos sobre os que poñer o foco; sectores clave no desenvolvemento socioeconómico do municipio, valores identitarios…
.