Últimos días para inscribirse no concurso de pintura rápida ao aire libre de Valdoviño

O certame artístico repartirá máis de 2.000 euros en premios

Valdoviño, 18 de agosto do 2023.Ata o 21 de agosto será posible apuntarse ao “III Concurso de pintura rápida ao aire libre Concello de Valdoviño” que, desta volta, terá á parroquia de Pantín e a súas xentes como protagonistas. Os artistas que decidan sumarse deberán pintar a súa obra sobre o terreo e en tempo récord, na xornada do 26 de agosto.

As persoas interesadas en participar terán ata o luns para anotarse a través da sede electrónica do Concello, debendo axuntar ficha de inscrición que pode descargarse na web municipal, fotocopia do NIF e acreditación do lugar de empadroamento, se fose preciso. Tamén poderán facelo achegándose á Casa da Cultura (de 10 a 14 h, entre semana).

Como nas edicións precedentes, o estilo e máis a técnica serán libres, pero a temática das creacións deberá versar sobre a paisaxe, os costumes ou a xente da parroquia elixida (neste caso, Pantín).

Segundo figuran nas bases do concurso, cada participante poderá presentar unha soa obra, que terá que executar “in situ” diante do motivo ou do modelo natural, non permitíndose “o uso de fotografías, ordenadores, cámaras, medios ou materiais fotográficos salvo que, debido ás inclemencias do tempo así o decida a organización o mesmo día do concurso”.

As obras terán que entregarse durante a sobremesa nas inmediacións da caseta de socorrismo da praia de Pantín, que se converterá entre as 17.30 e as 19 horas nunha pequena galería de arte ao aire libre, coa exposición de todos os traballos a concurso.

Haberá tres premios principais, de 1.000, 500 e 300 euros e diploma, aos que se engadirán dous especiais. O premio local, cun importe de 200 euros e diploma; e o premio xuventude Xeoparque Cabo Ortegal, de 150 euros e diploma, dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos procedentes dos municipios que forman parte do mesmo.

As bases da convocatoria poden consultarse nesta web, e o departamento de Cultura pon a disposición das persoas interesadas os teléfonos 981 48 76 66 e 645 305 229 para realizar calquera consulta.

BASES DO CONCURSO EN GALEGO

BASES DO CONCURSO EN ESPAÑOL

FICHA DE INSCRICICIÓN EN GALEGO

FICHA DE INSCRIPCIÓN EN ESPAÑOL