Últimos días para apuntarse á IX Milla Urbana de Valdoviño que se disputará este domingo na contorna da Frouxeira
A carreira está dirixida a deportistas de todas as idades
Valdoviño, 5 de setembro do 2022. A contorna da praia da Frouxeira acollerá este domingo 11 de setembro a IX Milla Urbana Concello de Valdoviño. A proba deportiva regresa ó calendario municipal tras 2 anos de parón forzado pola covid-19 coa mesma filosofía, converterse nunha auténtica festa do atletismo, na que convivan deportistas federados e afeccionados. A inscrición, gratuíta, mantense aberta ata este xoves á medianoite, e debe formalizarse a través da web www.galitiming.com.
As distancias, segundo a categoría, oscilan entre os 100 metros dos biberóns ata os 1.609 metros dos veteráns, e a entrega de dorsais realizarase o mesmo domingo a partir das 10 horas nas inmediacións do parque infantil da Frouxeira, zona onde se instalará tamén o punto de saída e meta da carreira, que principiará sobre as 11:10 horas coa participación dos máis pequenos e pequenas.
As categorías, en función da idade, son as seguintes: Biberón (nados/as no ano 2015 e posteriores); benxamín (2013-2014); alevín (2011-2012); infantil (2009-2010); cadete (2007-2008); xuvenil (2005-2006); júnior (2003-2004); promesa (2000-2002); sénior (1988-1999); veterano 1 (1982-1987); veterano 2 (1973-1981); veterano 3 (1962-1972); veterano 4 (1961 e anteriores).
A Milla urbana está organizada polo Concello, co apoio da Deputación da Coruña, e contará coa colaboración de Protección Civil e Policía Local de Valdoviño.