Última sesión do ciclo Mestre Mateo 2024 en Valdoviño coa proxección este xoves do documental “Os espazos en branco”

O pase iniciarase no auditorio ás 11 h, coas persoas participantes nos talleres de estimulación cognitiva como convidadas, e aberto ao público en xeral

Valdoviño, 17 de decembro do 2024. O auditorio da casa da cultura acollerá este xoves, a partir das 11:00 horas, a última sesión do ano do ciclo Mestre Mateo en Valdoviño coa proxección do documental «Os espazos en branco». Asistirán ao pase as persoas que participan semanalmente nos talleres de estimulación cognitiva que organiza o Concello de Valdoviño, e ademais, ábrese tamén a calquera persoa que estea interesada no visionado da cinta que dirixe Bruno Arias sobre Xela, a súa tía, poetisa galega á que se adicou o Día das Letras Galegas en 2021.

O documental parte da premisa de que as persoas somos o que somos por quen nos inspira. Desde que nacemos, constrúen as nosas personalidades, intereses e ambicións os reflexos da xente á que admiramos, das nosas referencias. Bruno leva moito tempo cunha espiña cravada: non lembra case nada de quen máis lle influíu na súa vida. A súa tía Xela morreu cando el tiña 5 anos e só lle quedan dela as memorias doutras persoas. É por iso que, 18 anos despois, Bruno decide transitar as caras e lugares que viviron a súa tía para dar luz a este conflito interno a través da primeira herdanza que lle deixou: o impulso creativo.