Trescentos estudantes do CPI Atios participaron este mes nas proxeccións do Ciclo Mestre Mateo en Valdoviño
O municipio integrábase este ano na rede de salas adheridas ao proxecto
Valdoviño, 21 de novembro do 2024. Trescentos alumnos e alumnas do CPI Atios de Valdoviño asistiron este mes ás diferentes proxeccións de documentais e longametraxes do Ciclo Mestre Mateo. Este ano o municipio entraba a formar parte da rede de salas do programa, e acollía os primeiros pases dos proxectos audiovisuais máis destacados en Galicia nominados ou galardoados na última edición dos premios que dan nome ao ciclo. Así, o departamento de Cultura seleccionaba algunhas pezas para os centros de ensino, outras para os veciños e veciñas que acoden semanalmente aos talleres de estimulación cognitiva, e programaba tamén proxeccións abertas ao público en xeral.
Entre os primeiros, o Concello convidaba ao alumnado de 3º de Primaria do CPI Atios ao visionado da cinta «¡Salta!». Tamén celebraba unha sesión de curtas, cos traballos «Illa cordura», «Nena», «O monstro e a nena» e «In half» para os e as estudantes de 1º e 2º da ESO, e concluía as sesións para escolares coa proxección da película «Matria», cos alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO como público.
