Toma posesión a nova técnica encargada da dirección e atención ao público do Océano Surf Museo

Incorpórase ao Concello de Valdoviño tras superar o concurso posición convocado o pasado ano 

Valdoviño, 29 de agosto de 2022. O alcalde de Valdoviño, Alberto González, presidía este luns a toma de posesión como funcionaria de carreira da nova técnica de museos. Diana Rodríguez Rodríguez chega ao Concello, tras superar o concurso oposición convocado o pasado ano para cubrir a vacante existente no cadro de persoal. A incorporación desta profesional permitirá dar un novo pulo ao Océano Surf Museo.

Entre os cometidos aparellados á praza, creada para dar estabilidade laboral ao posto de técnico de museo, que inicialmente se cubría mediante contratación temporal laboral, ligada á obtención de subvencións provinciais, figura tanto a dirección do que é o primeiro museo do surf de España, como a atención e información aos seus visitantes.

Ademais, entre as tarefas da técnica estarán a elaboración e supervisión do plan museolóxico, a organización e catalogación de contidos, a realización de trámites para a incorporación de novas pezas ou a organización e promover actividades destinadas a dinamizar as instalacións.

A incorporación dende hoxe desta nova funcionaria chega nun momento no que o mundo do surf mira a Valdoviño pola celebración do Campionato de España de Surfing 2022, que enfila a partir do venres a súa recta final coa disputa das categorías estrela (open, feminina e máster) o que atraerá a un importante número de visitantes cun interese específico neste deporte e, por tanto, na temática do museo.