Tempus impulsa un curso gratuíto de monitora de tempo libre para mulleres desempregadas
A fase teórica-práctica presencial desenvolverase en Pantín, con servizo de conciliación tamén gratuíto, e as veciñas de Valdoviño terán prioridade para acceder ás prazas, limitadas, e con inscrición xa aberta
Valdoviño, 5 de marzo de 2024. Valdoviño acollerá este mes un curso de monitora de actividades de tempo libre dirixido a mulleres desempregadas menores de 30 ou maiores de 45 anos. As veciñas do municipio terán prioridade nesta acción formativa con prazas limitadas, e aberta tamén ás residentes noutros concellos da zona como Narón, Ferrol, Fene, San Sadurniño, As Somozas, A Capela, Cerdido, Moeche, Monfero, Ortigueira e Neda, entre outros. O curso é completamente gratuíto, e forma parte do programa “Mulleres Tecendo Redes” que impulsa a Escola de Tempo Libre Tempus co apoio económico da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e a colaboración do Concello de Valdoviño. Consta de 350 horas en 2 fases: teórico práctica e práctica. Arranca o vindeiro luns 11 de marzo no local social de Pantín, e as mulleres con fillos e fillas menores a cargo disporán neste espazo dun servizo de conciliación gratuíto. A inscrición está aberta, e pode formalizarse descargando a ficha da web municipal e enviándoa ao correo tempuseduca@gmail.com.
A fase teórico-práctica consta de 200 horas, distribuídas en 115 horas presenciais -do 11 de marzo ao 3 de abril, de luns a venres de 8:00 a 14:30 horas no local social de Pantín- e outras 85 online. A fase de prácticas, de 150 horas, realizarase nas actividades de lecer educativo que impulsa Tempus: campamentos de pernoita, de conciliación urbanos ou na Natureza, intercambios xuvenís, campos de voluntariado, actividades con colexios, extraescolares…
Segundo informan dende Tempus, esta acción capacita para traballar en calquera campamento, ludoteca, actividades extraescolares, dinamización comunitaria, asociacións, ou calquera actividade de lecer educativo promovida por entidades tanto públicas como privadas en calquera parte do territorio nacional.
A escola de tempo libre pon a disposición das persoas interesadas os números de Whatsapp 657 926 913 e 616 890 418, e o propio correo electrónico tempuseduca@gmail.com