Teatro para os máis pequenos e pequenas da casa e recepción do Apalpador, este domingo na casa da cultura de Valdoviño

A visita do Apalpador virá precedida do último espectáculo de Caramuxo Teatro, “A nena que vivía nunha caixa de mistos”, a partir das 18 horas

Valdoviño, 12 de decembro do 2022. A programación cultural de Valdoviño para este domingo está ideada especialmente para os máis pequenos e pequenas da casa. Así, a partir das 18:00 horas, a Casa da Cultura acollerá o espectáculo «A nena que vivía nunha caixa de mistos», de Caramuxo Teatro, e ao seu remate, o Apalpador visitará o centro cultural para conversar cos nenos e nenas e desexarlles unhas felices festas de Nadal. A entrada é libre e de balde, ata completar aforo.

Deste xeito, Caramuxo Teatro ofrecerá o seu último espectáculo, inspirado no conto “A vendedora de mistos” de Andersen. Unha peza cunha linguaxe contemporánea e multidisciplinar que trata o tema da pobreza infantil e a orfandade, mais cunha mensaxe positiva, sobre o poder do cambio. Unha proposta de teatro de actriz e monicreques case sen palabras, que recorda ás películas clásicas en branco e negro. O espectáculo, que conta con música en directo, é a terceira pata da triloxía sobre os contos populares, que empezou con “As fabas máxicas”, continuou con “Feo” (Premio María Casares a Mellor Espectáculo Infantil) e remata con esta peza.