Teatro Ghazafelhos trae á casa da cultura de Valdoviño a súa obra “Travesía Unicornio”

A función terá lugar este domingo, ás 18:00 h, con entrada de balde

Valdoviño, 22 de outubro do 2024. O Concello de Valdoviño pon este domingo o broche de ouro á programación cultural do mes de outubro coa obra «Travesía Unicornio», a cargo de Teatro Ghazafelhos. Trátase dunha peza chea de humor que cambia os roles tradicionais de xénero abrindo as portas a que nenas e nenos decidan libremente sobre os seus gustos. Dirixida a un público familiar, terá lugar este domingo 27 no auditorio da casa da cultura, a partir das 18:00 horas. Como é habitual en toda a programación cultural municipal, a entrada é de balde ata completar aforo.

En «Travesía Unicornio», Ghazafelhos adapta ao teatro o libro homónimo de María Canosa gañador da primeira edición do Premio Anisia Miranda de teatro infantil e publicado por edicións Embora en 2023. Nel, un neno e o seu unicornio atópanse cunha xenia que lles promete facer realidade os seus desexos. Estes deberán escoitarse, aceptarse e, o máis importante, aceptar tamén os desexos das demais persoas para que se cumpran os propios.