Teatro Ghazafelhos representará este domingo no auditorio “Travesía Unicornio”
A función dará comezo ás 18:00 horas con entrada de balde
Valdoviño, 24 de marzo do 2025. A compañía Teatro Ghazafelhos regresará este domingo a Valdoviño para representar a súa obra «Travesía Unicornio», unha peza chea de humor na que mudan os roles tradicionais de xénero, abrindo as portas a que nenas e nenos decidan libremente sobre os seus gustos. Está dirixida a un público familiar, e dará comezo ás 18:00 horas no auditorio da casa da cultura con entrada libre e de balde ata completar aforo.
A función inclúese na programación «Somos e Contamos» deseñada polo Concello para conmemorar o Día da Muller. En «Travesía Unicornio», Ghazafelhos adapta ao teatro o libro homónimo de María Canosa gañador da primeira edición do Premio Anisia Miranda de teatro infantil e publicado por edicións Embora en 2023. Nel, un neno e o seu unicornio atópanse cunha xenia que lles promete facer realidade os seus desexos. Estes deberán escoitarse, aceptarse e, o máis importante, aceptar tamén os desexos das demais persoas para que se cumpran os propios.