Teatro esta fin de semana no parque de Aviño, na contorna da Frouxeira e no campo da festa de San Bartolo
O programa Escenarios Paralelos deseñado polo Concello de Valdoviño inclúe este sábado as funcións “Feira das Sementes” e “As minas do Rei Salomón, e o domingo, “Sidulfo e o demo” e “Habeas corpus”
Valdoviño, 4 de agosto do 2023. O programa municipal «Escenarios Paralelos. De 0 a 100» vén repleto de propostas culturais a pé de rúa para este fin de semana. Nesta ocasión, os escenarios alternativos serán a contorna da praia da Frouxeira, o parque de Aviño e o campo da festa de San Bartolo.
O sábado ás 18:00 horas, a compañía Babaluva traerá a súa Feira das Sementes ao paseo da Frouxeira. Xunto ao parque infantil, nenos e maiores poderemos achegarnos á feira máis pequena do mundo, onde nada se vende e onde as sementes se trocan por outras, por un conto, un refrán, unha canción ou unha adiviña. Nesa mesma xornada, ás 21:00 h, e no parque de Aviño, Teatro Ghazafelhos representará a súa obra «As minas do Rei Salomón», unha auténtica aventura por África evocando as películas dos anos 30 e 40.
O programa continuará o domingo. A partir das 18:00 horas, de novo na contorna do parque da Frouxeira, Trécola Producións representará «Sidulfo e o demo», unha adaptación propia da obra clásica de guiñol a partir da improvisación, e ás 21 h, producións Malasombra levará ao campo da festa de San Bartolo a súa obra «Habeas corpus», unha comedia que aborda un tema tan antigo e tan de actualidade como é a relación do ser humano coas demais especies animais. Nos dous casos, as pezas chegan a Valdoviño co apoio da Rede Cultural da Deputación.
Comentarios