Teatro do Atlántico trae este domingo a Valdoviño a súa obra “Libre coma os paxaros”

Dirixida a un público adulto, inclúese na programación do Día do Libro

No marco da celebración do Día Do Libro, o Concello programa este domingo ás 19 horas “Libre coma os paxaros. Manifesto rebelde”, un espectáculo sobre a figura e o pensamento de Rosalía de Castro. A montaxe, protagonizada por María Barcala, bota man dos textos da célebre escritora –poesía, artigos, prosa-, engarzados con outros materiais que contextualizan e conforman unha vía pola que transitar acompañados polo pensamento da autora e polo seu compromiso diante dos acontecementos protagonistas na sociedade do seu tempo.

O aforo é reducido por mor dos protocolos de prevención fronte á covid-19, e para asistir é preciso retirar invitación na Casa da Cultura hoxe de 16 a 20 horas e mércores e xoves de 11 a 14 h e de 16 a 20 h. 

A obra está coproducida por Teatro do Atlántico e o Padroado de Cultura de Narón, municipio onde se vén de estrear no marco do Festival Singular, e chega a Valdoviño da man da Rede Cultural da Deputación.