Teatro do Andamio trae este domingo á casa da cultura de Valdoviño “A verdadeira historia dos tres porquiños e o lobo feroz”

A función comezará ás 18:00 horas con entrada de balde

Valdoviño, 23 de marzo do 2026. O Concello de Valdoviño convida ás familias a asistir este domingo 29 de marzo ao teatro. O auditorio da casa da cultura acollerá a representación da obra “A verdadeira historia dos tres porquiños e o lobo feroz”, de Teatro do Andamio. A función dará comezo ás 18:00 horas con entrada de balde e libre ata completar aforo.

O espectáculo de actores e obxectos narra a verdadeira historia dos tres porquiños, ou mellor dito, dos tres porquiños e da súa irmá, unha porquiña moderna, intelixente e loitadora. Unha visión actual que defende os principios fundamentais: a igualdade e a solidariedade.

A peza, incluída na programación “Somos e Contamos” deseñada polas concellerías de Cultura e de Servizos Sociais para conmemorar o Día Internacional da Muller, inclúese na Rede Cultural da Deputación provincial da Coruña.