Teatro do Andamio trae a Valdoviño “A nova historia da cigarra e a formiga”

A función, incluída na programación municipal co gallo do Día do Libro, terá lugar este sábado ás 18 horas no auditorio da Casa da Cultura

Valdoviño, 19 de abril de 2022. A programación deseñada polo Concello de Valdoviño para conmemorar o Día do Libro ofrecerá ao público máis novo «A nova historia da cigarra e a formiga», a cargo da compañía Teatro do Andamio. A función terá lugar este sábado 23 de abril, a partir das 18 horas, no auditorio da Casa da Cultura. Con entrada libre ata completar aforo, a representación conta co patrocinio da Rede Cultural da Deputación provincial da Coruña, e diríxese a un público infantil. 

Na función, Teatro do Andamio ofrecerá a súa particular versión da coñecidísima fábula. Anuncian que será esta a verdadeira historia da cigarra e a formiga, a que comezou unha noite de tormenta que fixo que todo cambiara. Así, adiantan que mudou a vida da formiga que vive na saída de emerxencia do seu formigueiro e, de paso, coida as flores, pero tamén canta cancións que inventa no seu tempo libre. Mudou a vida da cigarra, que chega ao fermoso outeiro despois de vagar durante moito tempo buscando un lugar mellor para vivir en paz. Iso si, apuntan que a convivencia non será doada. Descubrirémolo este sábado en Valdoviño.