Teatro, curtas, contacontos e arte gráfica, principais accións para conmemorar o Día da Eliminación da Violencia contra a Muller

O Concello de Valdoviño intensifica este ano as actividades de concienciación dirixidas á infancia e á mocidade

O Concello de Valdoviño conmemorará o 25 N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller cunha programación de actos enfocada á infancia e mocidade en particular e ao conxunto da sociedade en xeral. Así, estudantes do CPI Atios e escolas unitarias do CRA O Esquío serán os principais destinatarios e destintarias das accións previstas, que arrancan mañá mesmo coa inauguración na Casa da Cultura da exposición «Nosoutras somos arte», da artista local Franscesca Novo. Unha mostra que non deixará a ninguén indiferente e que poderá visitarse ata o 29 de novembro previa cita no 981 48 76 66.

O luns 23 de novembro desplegarase a pancarta institucional na fachada da casa consistorial e subirase á web municipal o manifesto aprobado pola corporación.

O mércores 25 de novembro, o Concello levará ao CPI Atios e ás unitarias do CRA O Esquío a función «Contos de nenas grandes e pequenas», dirixida ao alumnado de Educación Infantil e Primaria. Trátase dunha produción de Marta Ortiz e Brais das Hortas na que por medio da narración oral e a música achegan historias de nenas diversas con voz propia. Unha actividade respaldada pola Deputación no marco da campaña «De fronte á violencia de xénero» á que Valdoviño está adherida.

Así mesmo, o xoves 26 de novembro, o Concello programou unha sesión de teatro-fórum na Casa da Cultura para o alumnado de Educación Secundaria do CPI Atios, na que poderán seguir a obra «O vestido de voda», unha peza sobre o establecemento da parella, os mitos do amor romántico e os mecanismos da violencia de xénero. Ao seu remate, celebrarase un foro de debate co alumnado e, como resultado, haberá unha nova escenificación introducindo as reflexións feitas polo alumnado.

E xa o domingo 29 de novembro ás 17 horas, a Casa da Cultura albergará o acto central da programación baixo o lema «Movámonos polo bo trato». Aberto á comunidade, será preciso asistir con invitación, que poderá retirarse na Casa da Cultura a partir do luns 23 de novembro en horario de 11 a 14 horas e ata esgotar as reducidas prazas permitidas no marco do protocolo de prevención fronte á covid-19.

Un acto sobrio que incluirá unha visita á exposición «Nosoutras somos arte», varias lecturas a cargo do alumnado da ESO do CPI Atios e a proxección de varias curtas. Así mesmo, ao remate as persoas asistentes recibirán un paraugas lila conmemorativo.

Os actos inclúense no Programa Municipal de Igualdade e Prevención de Violencias Machistas Somos e Contamos, así como co apoio do Pacto de Estado contra la Violencia de Género.