Teatro A Panadaría trae venres a Valdoviño a comedia musical “Elisa e Marcela”
Retirada de invitacións a partir deste martes na Casa da Cultura
Valdoviño, 6 de setembro de 2021. A programación cultural do Concello de Valdoviño continúa este venres coa obra «Elisa e Marcela» a cargo de Teatro A Panadaría. Esta comedia musical, dirixida a un público adulto, celebrarase no auditorio municipal a partir das 20,30 horas, e para asistir é preciso retirar invitación na Casa da Cultura. O prazo ábrese mañá martes 7 de setembro, ata o mesmo venres ou completar plazas (en horario de 10 a 14 h).
«Elisa e Marcela» é unha historia de amor a contratempo na que A Panadaría presenta unha reconstrución irreverente dun suceso real, e onde o verídico parece invento. Lévanos ao ano 1901, á Coruña, ao momento no que dúas mulleres casan na igrexa de San Xurxo, unha delas vestida de home. Unha historia de persecucións policiais, fuxidas en dilixencia, cambios de identidade e informacións manipuladas.
Unha montaxe que lle valeu á compañía 4 premios María Casares (entre os que se atopa Mellor Espectáculo); o premio Luísa Villalta para Iniciativas Culturais pola Igualdade, o XIV Premio LGBT Marcela e Elisa do Colectivo ALAS, o Premio do Público na MIT de Ribadavia 2018, o Premio do Público no FETEGA do Carballiño 2018 e o Premio á Mellor Actriz ex-aequo (Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman) no FETEGA do Carballiño 2018.