Tarabela Creativa trae este venres a Valdoviño o seu espectáculo de narración oral “Tabú”

A cita, incluída na programa do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, dará comezo ás 20:30 horas na Casa da Cultura

Valdoviño, 22 de novembro do 2022. No marco da programación «Somos e Contamos» deseñada polo Concello de Valdoviño para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, Tarabela Creativa trae este venres ao noso concello «Tabú». O novo espectáculo de Carmen Conde, froito das conversas recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, O Morrazo, O Courel, a Mariña Lucense ou a Costa da Morte sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude. Dirixido a un público de 13 anos en adiante, terá lugar no auditorio da Casa da Cultura este venres ás 20:30 horas, con entrada de balde.

Trátase dun show de narración oral que ten como misión transmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade das mulleres que precederon ás actuais xeracións e que incidiron de xeito decisivo nestas.