Talía Teatro trae este domingo a Valdoviño o seu espectáculo “Voa, Voa!”

As invitacións para asistir á obra poden retirarse entre hoxe e o mércores na Casa da Cultura e en horario de 11 a 14 horas

A programación cultural de Nadal do Concello de Valdoviño trae este domingo 27 de decembro á compañía Talía Teatro, que representará no auditorio da Casa da Cultura a súa obra Voa, voa! Será a partir das 18 horas, dirixida a un público infantil e familiar. As persoas interesadas en asistir deben retirar as súas invitacións entre hoxe e o mércores na Casa da Cultura en horario de 11 a 14 horas.

Voa, voa! é un espectáculo para desfrutar en familia, para divulgar e relembrar a arte de xogar coas palabras. Todas as tardes despois de merendar Xoana baixa a xogar ao parque. Alí coincide con Anxo, un neno introvertido que prefire estar na casa vendo a tele. Pouco a pouco vai entrando nos xogos que lle propón Xoana, todos aqueles xogos que lle ensinou a súa avoa. 

Trátase dunha montaxe na que ser proporá recuperar ditos, retrousos, xogos de man… toda unha relación de ditos populares centrados nestas pequenas rimas que perduraron xeración tras xeración e que se foron transmitindo de xeito oral. Un espectáculo para incentivar a xogar, pero sobre todo incentivar ás familias (nais, pais pero sobre todo avoas e avós) a furgar na súa memoria para recuperar e transmitir os seus xogos da infancia e o vocabulario que se empregaba.