Soledad Felloza trae este domingo a Valdoviño “Oito pasos… oito versos”, espectáculo de narración oral con relatos e versos de Xela Arias

Retirada de invitacións na Casa da Cultura de 11 a 14 e de 16 a 20 h

A actriz e narradora Soledad Felloza trae a Valdoviño este domingo «Oito pasos… oito versos», un espectáculo de narración oral, con relatos e versos de Xela Arias. Será a partir das 19 horas, no auditorio municipal, e con retirada de invitacións na Casa da Cultura dende xa e ata o venres en horario de 11 a 14 e de 16 a 20 horas (ou completar aforo). A cita cultural, dirixida a todos os públicos e coa que Valdoviño despide a programación de maio, inclúese nos actos deseñados para conmemorar o Día das Letras Galegas.

A nai promete que sempre vai facer o necesario para que avance o fillo… e o neno dá oito pasos coma oito versos. E así faremos nós a través deste espectáculo con versos e relatos de Xela Arias. Viaxaremos ao universo poético e narrativo da homenaxeada do Día das Letras Galegas do 2021. Xela non só foi unha grande poeta, tamén foi editora e unha das primeiras tradutoras profesionais. Seu traballo achegou a nenos e nenas, e tamén aos maiores, grandes autores da literatura universal.