Sesión de cine e charla sobre as táboas de madeira este venres no Océano Surf Museo
A cita, con entrada de balde e libre, comezará ás 20:00 horas
Valdoviño, 7 de setembro do 2026. O Océano Surf Museo acollerá este venres 11 de setembro unha sesión de cine e relatorio posterior baixo o título “Sobre o sentido e o sinsentido das táboas de surf de madeira”. Dará comezo ás 20:00 horas no auditorio da casa da cultura, e o público poderá visionar tres curtametraxes de surf, entre elas a galardoada Spaghetti Week, un documental independente que recolle a vida de Job “Jabalí” Verpoorte, un enxeñeiro químico que mudou toda a súa vida para converterse en shaper de táboas de surf. A peza celebra a artesanía da fabricación de táboas de madeira e todo o que gravita ao seu redor: natureza, relacións, surf e oceáno. Precisamente, o propio Job Verpoorte estará presente este venres en Valdoviño, e poñerá o broche de ouro á xornada cunha charla sobre o emprego de madeira como material para a fabricación de táboas de surf.
Trátase dunha das actividades complementarias que, ao longo do ano, promove o Océano Surf Museo para difundir a cultura do surf. A entrada é de balde e libre ata completar aforo.
