Servizos Sociais tramita as solicitudes das tarxetas de alimentos do Programa Básico
As axudas están dirixidas a familias con menores de idade a cargo e rentas por debaixo do limiar de pobreza severa
Valdoviño, 29 de abril do 2026. As familias con menores de idade a cargo con rentas baixas -por debaixo do limiar de pobreza severa- empadroadas en Valdoviño poden solicitar xa a tarxeta de alimentos do Programa FSE+ de asistencia material básica 2026-2029 (Programa Básico), financiado con fondos europeos. O trámite debe realizarse a través do departamento municipal de Servizos Sociais -na planta baixa da casa consistorial- con cita previa chamando ao 981 48 70 41 ext.5.
Este tipo de axuda terá unha validez de 12 meses desde o seu recoñecemento, sen que exista posibilidade de prórroga. A contía mensual da tarxeta de alimentos está fixada en función da composición da unidade de convivencia, sendo de 130€ mensuais para familiar de 2 persoas, 160€ para aquelas compostas por 3 persoas, 190€ para as familias de 4 persoas e 220€ para as de 5 ou mais membros. En todo caso para a súa concesión, terá que ser menor de idade polo menos unha das persoas da unidade de convivencia. Coa tarxeta, as familais poderán adquirir alimentos e/ou artigos para a hixiene persoal (xabón, champú, pasta de dentes, produtos de hixiene feminina menstrual e cueiros infantís).
Ao abeiro deste programa, as familias reciben tamén unha serie de medidas de acompañamento en función das súas necesidades, e que serán desenvoltas por Cruz Vermella Española. Estas poderán consistir en: recibir información sobre os recursos e prestacións sociais dispoñibles e sobre o acceso a estes; derivación ou reorientación aos recursos sociais, educativos e sanitarios, entre outros; asesoramento sobre a xestión dun orzamento doméstico, ou promoción socioeducativa de hábitos de alimentación saudable.
