Servizos Sociais axuda na tramitación das solicitudes no programa Benestar en Balnearios

O prazo de presentación de instancias estará aberto ata o 17 de xullo

Valdoviño, 19 de xuño de 2024. O departamento municipal de Servizos Sociais asesora e axuda na tramitación aos veciños e veciñas que desexen tomar parte no programa Benestar en Balnearios. Tan só deben acudir á casa consistorial -planta baixa-, e solicitalo. A iniciativa está dirixida a persoas maiores de 60 anos ou de 55 pensionistas, que poderán desfrutar en réxime de pensión completa de estancias de 10 días nalgún dos 15 balnearios de Galicia incluídos no programa que promove a Xunta de Galicia a prezos máis reducidos -entre os 269 ata os 377 euros en función do destino elixido-.

Hai varias quendas entre o 17 de xullo e o 18 de decembro -este ano adiántanse as datas-, e o prazo de presentación de solicitudes para beneficiarse da iniciativa está aberto, ata o 17 de xullo.

Ademais, a persoa solicitante poderá participar na convocatoria da oferta de estadías e tratamentos do programa acompañada de, entre outras, cónxuxes, parella de feito ou persoa coa que teña unha unión estable e de convivencia con análoga relación á conxugal; un fillo/a con grao de discapacidade igual ou superior ao 33% e sempre que poida acudir sen necesidade de apoio de terceira persoa, ou por unha persoa que desexe participar no programa e cumpra os mesmos requisitos fixados para o solicitante.