Servizos Sociais axuda á veciñanza na tramitación das solicitudes para o programa Benestar en Balnearios
O prazo de reserva de praza estará aberto ata o vindeiro 16 de xullo
Valdoviño, 18 de xuño do 2025. Un ano máis, e coincidindo coa apertura do prazo para solicitar o programa Benestar en Balnearios, a Concellería de Servizos Sociais ponse a disposición da veciñanza para axudalos na tramitación das solicitudes, que deben realizarse preferentemente a través da sede electrónica ou nun dos rexistros oficiais da Xunta. Así, poden acudir á casa consistorial -planta baixa-, e recibirán o asesoramento necesario.
O programa está dirixido a persoas maiores de 60 anos e pensionistas maiores de 55, xunto a un acompañante -no caso de ter fillos/as cunha discapacidade igual ou superior ao 33% tamén poderían acompañalos-, que poderán desfrutar en réxime de pensión completa de estancias de 10 días nalgún dos balnearios de Galicia incluídos no programa que promove a Xunta a prezos máis reducidos.
O prazo de presentación de solicitudes para beneficiarse da iniciativa está aberto, ata o 16 de xullo.
