Servizos Sociais axuda á veciñanza na tramitación da participación no programa “Xuntos polo Nadal”
Está dirixido a persoas maiores que se atopen soas nestas datas
Valdoviño, 16 de novembro do 2022. O Concello de Valdoviño, a través dos Servizos Sociais, presta asesoramento na tramitación das solicitudes para a participación no programa “Xuntos polo Nadal” que promove a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade. Un programa dirixido ás persoas de 60 anos en adiante que se atopen soas nestas datas, xa sexa por carencia de familiares ou amigos, perda do seu cónxuxe ou por outras circunstancias.
Neste caso, poderán aloxarse na Residencia de Tempo Libre de O Carballiño, en Ourense, e desfrutar dunha completa oferta de actividades socioculturais. Hai 2 quendas: a primeira, do 23 ao 30 de decembro, e a segunda, do 31 de decembro ao 7 de xaneiro. A participación é gratuíta, e inclúe o aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa, desprazamento en autocar dende Ferrol, e as citadas actividades de animación sociocultural.
As persoas beneficiarias deberán ter cumpridos os 60 anos no momento en que remate o prazo de presentación de solicitudes (o 28 de novembro, incluido), estar empadroadas nalgún concello galego, vivir sos no seu domicilio e ter que pasar as datas de Nadal sos, valerse por si mesmos e non padecer enfermidades transmisibles con risco de contaxio, entre outras.