Image Alt

Guía de recursos

  /    /  Guía de recursos

De seguido, poderás consultar as medidas de apoio dirixidas a persoas con discapacidade. Se estás interesado/a en solicitar algunha delas, no departamento municipal de Servizos Sociais informarémosche dos requisitos específicos de acceso a cada unha delas e os pasos a seguir na súa tramitación.

Educación

  • Asignación de prazas en centros educativos. Nos baremos de asignación aumenta a puntuación cando a persoa solicitante ou integrantes da unidade familiar teñen recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33%
  • Acceso á FP de grao medio ou superior (ciclos formativos). Reserva dun 10% do total das prazas ofertadas ao alumnado con discapacidade igual ou superior ao 33%
  • Axudas para a adquisición de libros de texto EP., E.E. e ESO. No cálculo da renda per cápita familiar computan por 2 os membros con discapacidade. Ao alumnado cun grao igual ou superior ao 65% e o matriculado en Educación Especial outórgaselle unha contía fixa -sen ter en conta límite de ingresos familiares- que inclúe ademáis dos libros o material escolar. Tamén están exentos da devolución dos libros.
  • Estudos universitarios na UNED. Primeira matrícula gratuíta de ensinanzas regradas, incluido o doutoramento ou o curso de acceso directo para maiores de 25 anos
  • Probas de acceso a universidade para alumnado con discapacidade. Adaptación das probas para aqueles e aquelas cuxa discapacidade lles impida realizalas cos medios ordinarios
  • Acceso e matrícula nas universidades galegas. Reserva dun 5% das prazas totais e exención do pagamento de matriculación para alumnado con discapacidade igual ou superior ao 33%
  • Bolsas e axudas para estudos post obrigatorios non universitarios. No cómputo da renda familiar existen deducións por discapacidade da persoa solicitante, irmáns/as e fillos/as. A contía varía en función do grao
  • Bolsas e axudas para estudos post obrigatorios universitarios. Deducións por discapacidade (alumno/a, irmáns/as e fillos/as) no cómputo da renda familiar, con contías que varían en función do grao. Redución da carga lectiva a matricular ata un 50% para alumnado cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65% -neste caso disporán de beca 1 ou 2 anos máis do establecido no plan de estudos-. Posibilidade de elevar nun 50% a contía fixa das axudas e bolsas de estudos (agás a de matrícula) no caso de alumnado cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65%
  • Axudas para alumnado con necesidade específica de apoio educativo. Dirixidas a alumnado de EI, EP, ESO, Bacharelato, ciclos formativos e PCPI. Inclúen 2 modalidades: axudas directas e subsidios para alumnado con NEAE de familias numerosas. No límite de ingresos familiares establecidos para as axudas directas existen deducións por discapacidade (alumno/a, irmáns/as e fillos/as) que varían en función do grao. Os subsidios non están suxeitos a renda nin patrimonio.
  • Comedores escolares. Gratuidade en centros docentes públicos de Educación Infantil, Primaria e ESO para alumnado con discapacidade igual ou superior ao 33%
  • Taxas nas escolas superiores de idiomas e conservatorios de música. Exención para alumnado con discapacidade
  • Prazas de colaboradores-bolseiros nas residencias xuvenís da Xunta de Galicia. No baremo de criterios de selección tense en conta a situación de discapacidade da persoa solicitante e doutros/as membros da unidade de convivencia
  • Prazas de residencia en centros residenciais docentes para estudos post obrigatorios non universitarios. No baremos de asignación, outórganse 5 puntos ás situacións de discapacidade dos membros da unidade familiar incapacitados para obter ingresos de natureza laboral

Emprego e formación

  • Promoción do emprego autónomo. Subvencións para establecerse como traballador/a autónomo/a, asistencia técnica, financiamento dos xuros de préstamos para investimentos e formación. Bonificación do 50% das cotas de cotización á Seguridade Social durante os primeiros 5 anos. A redución pode acadar o 80% en determinados casos
  • Fomento do emprego na empresa. Obrigatoriedade das empresas de máis de 50 empregados de contratar un 2% de persoas traballadoras con discapacidade; incentivos para a contratación de persoas con discapacidade, que poden incluir, entre outros conceptos, bonificación de cotas empresariais á Seguridade Social. Exención da idade máxima da persoa traballadora e ampliación da duración do contrato en contratos de formación e aprendizaxe para persoas con discapacidade. Bonificación do 100% nas cotas empresariais á Seguridade Social nos contratos de interinidade para substituír a persoas traballadoras con discapacidade
  • Emprego na Administración pública. Reserva dun 7% das prazas, sendo un 2% destas para persoas con discapacidade intelectual. Exención do pagamento de taxas. Adaptación de tempo e medios nas probas de acceso. Alteración da orde de prelación para elección de destino, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas
  • Emprego protexido.
    • Centros especiais de emprego. Subvencións do custe salarial do 50% do SMI e bonificación do 100% da cota empresarial á Seguridade Social.
    • Enclaves laborais. Inclúen incentivos tales como subvencións por contrato indefinido ou bonificacións do 100% das cotas empresariais á Seguridade Social
    • Emprego con apoio. Acompañamento e orientación individualizada no posto de traballo na empresa ordinaria durante 6 meses a 1 ano -con posibilidade de prórroga- a persoas traballadoras con discapacidade igual ou superior ao 33% que presenten parálise cerebral, enfermidade mental e déficit intelectual e a persoas traballadoras con grao igual ou superior ao 65% que presenten discapacidade física ou sensorial.
  • Emprego en cooperativas e sociedades laborais. Subvencións para a incorporación de socios e socias en situación de desemprego que acrediten un grao igual ou superior ao 33%
  • Convenio especial coa Seguridade Social para as persoas con discapacidade e dificultades de inserción laboral. Cubre prestación por xubilación, morte e supervivencia. Está dirixido a persoas maiores de 18 anos e menores da idade mínima de xubilación ordinario que non sexan pensionistas de xubilación nin incapacidade permanente e presenten un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% -no caso de parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual- ou igual ou superior ao 65% -discapacidade física ou sensorial-
  • Accións formativas para as persoas en desemprego. Prioridade para acceder e dereito a unha bolsa por estudos
  • Accións formativas para persoas traballadoras en activo. Prioridade para participar nos cursos de formación
  • Acceso a Escolas-Obradoiro, Casas de oficio e Obradoiros de emprego. Prioridade para participar
  • Acceso a Centros de Recuperación de Persoas con Discapacidade Física (CRMF). Requisitos de acceso: presentar discapacidade física e/ou sensorial en grao igual ou superior ao 33%, ter máis de 16 anos (excepcionalmente 14 anos), non padecer enfermidade infecto-contaxiosa nin transtornos mentais que poidan alterar a convivencia, e non precisar atención de forma continuada en institucións sanitarias
  • Certificados de profesionalidade. Exención do pagamento de taxas e adaptación de probas para persoas con discapacidade -grao igual ou superior ao 33%

Prestacións económicas

  • Pensión non contributiva de invalidez. Dirixida a persoas de entre 18 e 65 anos, cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65% que cumpran os requisitos de nacionalidade, residencia e económicos establecidos na normativa vixente. No caso de acreditar grao igual ou superior ao 75% e necesidade de axuda de terceira persoa, increméntase a contía da pensión nun 50%
  • Prestación familiar por fillo a cargo con discapacidade. Para menores de 18 anos cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33% e maiores de 18 anos con igual ou superior ao 65%. No caso de maiores de 18 e grao igual ou superior ao 75% e acreditación da necesidade de axuda de terceira persoa, incremento da pensión nun 50%
  • Pensións de viuvez. No caso de menores de 65 anos, cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65%, equipárase o complemento de mínimos ao de maiores de 65 anos. No caso de contraer matrimonio non se lles extingue a pensión de viuvez se acreditan un grao igual ou superior ao 65% de discapacidade e cumpren cos demais requisitos establecidos na normativa vixente
  • Pensións de orfandade. Incremento da contía mínima da pensión aos menores de 18 anos cun grao igual ou superior ao 65%, e ampliación da idade a 25 anos aos orfos con discapacidade igual ou superior ao 33% e ingresos inferiores ao SMI (derivados do traballo remunerado)
  • Renda Activa de Inserción (RAI). As persoas con grao de discapacidade igual ou superior ao 33% están eximidas do requisito de idade mínima de 45 anos e teñen dereito á percepción da RAI durante 3 periodos consecutivos
  • Renda de Inclusión Social (RISGA). No caso das persoas cun grao igual ou superior ao 33%, o requisito de idade mínima redúcese a 18 anos, e no cálculo do límite de ingresos familiares non se computa a prestación familiar por fillo/a a cargo con discapacidade
  • Subsidio de mobilidade e compensación por gastos de transporte. Dirixido a maiores de 3 anos, cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, que acrediten dificultade de uso de transporte público e teñan ingresos económicos familiares inferiores aos establecidos na normativa reguladora
  • Prestacións económicas periódicas a mulleres que sofren violencia de xénero. A contía da prestación, así como o límite de ingresos para xerar dereito a ela, é superior no caso de acreditar grao de discapacidade a persoa solicitante ou fillos/as a cargo
  • Axuda económica de pagamento único para mulleres vítimas de violencia de xénero. Increméntase a contía no caso de discapacidade na solicitante ou en fillos/as a cargo, variando a contía segundo o grao de discapacidade
  • Xubilación anticipada.
    • Persoas traballadoras cunha discapacidade igual ou superior ao 45%. Acceso a pensión de xubilación aos 56 anos se acreditan o periodo mínimo de cotización esixido e xustifican padecer unha das enfermedades comprendidas na normativa reguladora da xubilación anticipada
    • Persoas traballadoras cunha discapacidade igual ou superior ao 65%. A idade de xubilación ordinaria esixida para o acceso á pensión de xubilación redúcese nun periodo equivalente ao que resulte de aplicar ao tempo efectivamente traballado unha serie de coeficientes redutores segundo o grao de discapacidade. En todo caso, a idade resultante non pode ser inferior aos 52 anos
  • Xubilación parcial con contrato de relevo. No caso de persoas traballadoras con discapacidade o periodo mínimo de cotización é de 25 anos

Beneficios fiscais

  • Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF). Considéranse persoas con discapacidade as persoas contribuíntes con discapacidade nun grao igual ou superior ao 33%; os pensionistas de Seguridade Social de incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez e os pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación por retiro por incapacidade, aínda que non acaden o devandito grao nas valoración do órgano respectivo da Comunidade Autónoma. Así, segundo o caso, poderán optar a:
    • Reducións por Rendementos de Traballo
    • Redución por Rendementos de Actividades Económicas
    • Reducións por achegas a Patrimonios protexidos de persoas con discapacidade
    • Ganancias e perdas patrimoniais (estímase que non existe ganacia ou perda patrimonial por achegas a patrimonios protexidos constituídos a favor de persoas con discapacidade. Está exenta de tributación en IRPF a transmisión da vivenda habitual en persoas con dependencia severa ou grande dependencia)
    • Achegas a plans de pensións e outros sistemas de previsión social constituídos a favor de persoas con discapacidade (dereito a reducir da base impoñible as achegas realizadas a plans de pensións constituídos a favor de persoas cunha discapacidade psíquica igual ou superior ao 33%, persoas cunha discapacidade sífica ou sensorial igual ou superior ao 65%, ou persoas con incapacidade declarada xudicialmente)
    • Mínimo persoal e familiar (varía en función do grao de discapacidade do/a contribuínte, ascendente ou descendente)
    • Dedución por obras e instalacións de adecuación da vivenda habitual das persoas con discapacidade (aplicable ás persoas contribuíntes que realizasen obras e instalacións de adecuación da súa vivenda habitual por razón da discapacidade da persoa contribuínte ou do/a seu/súa cónxuxe, ou un/ha Parente en liña directa ou colateral consanguínea ou por afinidade ata o 3º grao e que convivan con el/a
    • Deducións sobre a cota autonómica do IRPF da Comunidade Autónoma de Galicia
    • Deducións por persoas con discapacidade a cargo
  • Imposto sobre sucesións e doazóns. Redución na base impoñible nas adquisición mortis causa, variando a contía en función do grao de discapacidade
  • Imposto sobre o patrimonio. A contía mínima exenta aumenta en persoa con discapacidade en grao igual ou superior ao 65%
  • Imposto sobre trasmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. Aplicación dun gravame reducido do 4% no imposto de transmisión patrimoniais e do 0,5% no imposto de actos xurídicos documentados na adquisición de vivenda habitual por parte de persoas con discapacide igual ou superior ao 65%
  • IVE. Aplicación dun tipo reducido do 4% na adquisición de vehículos de motor por parte de persoas con discapacidade en cadeira de rodas ou con mobilidade reducida e as persoas afiliadas á ONCE e os titulares da tarxeta de estacionamento emitidas polas corporacións locais
  • Imposto sobre Sociedades. Deducións por creación de emprego para traballadores con discapacidade e investimento en plataformas de acceso para persoas con discapacidade ou anclaxes de fixación e bonificación da cota do imposto sobre sociedades a cooperativas de traballo asociado que integren socios con discapacidade

Vivenda

  • Reserva de vivendas adaptadas para persoas con mobilidade reducida de carácter permanente en Vivendas de Protección Oficial de Promoción Pública
  • O limiar de renda para acceso de Vivenda Pública Oficial Protexida é superior en situacións de discapacidade
  • Dereito do/a arrendatario/a a realizar as obras de adaptación da vivenda en alugueiro á súa discapacidade ou a do/a do seu/súa cónxuxe ou familiares cos que conviva e dereito a continuar co contrato de alugueiro no caso de que o/a arrendatario/a faleza e algún dos membros da unidade familiar (parentesco ata o 3º grao por consaguinidade ou afinidade) presente unha discapacidade igual ou superior ao 65% e convivise coa persoa falecida nos últimos 2 anos
  • Obriga da comunidade de propietarios de realizar as obras de mellora da accesibilidade dos elementos comúns en edificios cuxo importe total non exceda de 3 mensualidades ordinarias de gastos común. Se o importe é superior, é necesario o voto favorable da maioría dos/as propietarios/as que, á súa vez, representen a maioría das cotas de participación

Familias

  • Familia numerosa. Equipárase a familia numerosa ás constituídas por un ou dous ascendentes con 2 fillos/as, sempre que un dos/as fillos/as teñan discapacidade igual ou superior ao 33% ou estea incapacitado/a para traballar; tamén os/as ascendentes con 2 fillos/as, cando ámbolos 2 ascendentes teñan recoñecido un grao igual ou superior ao 33% ou un deles igual ou superior ao 65%, e 2 irmáns orfos absolutos, maiores de 18 anos, se un deles ten discapacidade igual ou superior ao 33%
  • Excedencia laboral por coidado de familiares. De 2 anos (salvo periodo superior establecido por negociación colectiva) para coidado de familiar ata 2º grao de consanguinidade ou afinidade que por razón de discapacidade non pode valerse por si mesmo e non realice actividade retribuída
  • Redución da xornada de traballo (con redución de parte proporcional do salario). Comprenden unha redución de 1/8 a ½ da xornada laboral para persoas traballadoras que por razón de garda legal teñan ao seu coidado directo fillos/as con discapacidade -que non desenvolvan actividade retribuída- ou teña nao seu coidado un familiar ata o 2º grao de consaguinidade ou afinidade que por razón de idade, accidente ou enfermidade non poda valerse por si mesmo e non desenvolva actividade retribuida
  • Prestación económica por redución de xornada para coidado de menores afectados por cancro ou enfermedades graves que requiran hospitalización ou coidados directos. Subsidio equivalente ao 100% da base reguladora establecida para a incapacidade temporal. É proporcional á xornada de traballo reducida, a cal será como mínimo de ½ da xornada laboral
  • Subsidio por maternidade e paternidade.
    • Na modalidade contributiva. Ampliación do subsidio de maternidade en 2 semanas máis no caso de discapacidade do neonato en grao igual ou superior ao 33%. Incremento de días adicionais -non superior a 13 semanas- cando o neonato se atope hospitalizado en periodo superior a 7 días despois do parto. Ampliación do subsidio de paternidade a 20 días naturais no caso de discapacidade igual ou superior ao 33% no neonato ou algún dos convivintes da unidade familiar
    • Na modalidade non contributiva. Aumento da duración da prestación a 14 días máis no caso de discapacidade en grao igual ou superior ao 65% no/a fillo/a o una nai
  • Prestación económica de pagamento único por nacemento ou adopción. Poden acollerse a esta prestación as nais que acrediten discapacidade igual ou superior ao 65% e non superen o límite de ingresos anual establecido pola lei
  • Prestación económica por parto ou adopcións múltiples. Para o cálculo, computan dobre os/as fillos/as con discapacidade igual ou superior ao 33%
  • Programa de Turismo Social para persoas maiores do IMSERSO. Admítese de acompañante un/ha fillo/a con grao de discapacidade igual ou superior ao 45%

Xustiza gratuíta

  • Non se ten en conta o límite de ingresos cando se trate de procesos xudiciais nos que estean implicadas persoas con discapacidade psíquica vítimas de abusos ou malos tratos, e elévase o tope de ingresos (inferior a 5 veces o IPREM) para xustiza gratuíta en procedementos que garden relación con circunstancias de saúde ou discapacidade

Lecer

  • Campamentos de verán. Dirixidos a persoas con discapacidade e idades comprendidas entre os 11 e os 40 anos