En que consiste?
Coa idea de contribuír ao envellecemento activo e, ao tempo, insuflar osíxeno ao sector turístico e ao termal, as administracións central e autonómica desenvolven anualmente programas para promocionar entre as persoas maiores estancias en zonas de costa ou turismo de interior, e máis estancias en balnearios. Trátase dos programas de turismo e balnearios do IMSERSO, e máis o de termalismo social da Xunta. Ademais, tradicionalmente ofértase o programa “Xuntos polo Nadal”, de estancias en residencias de tempo libre de Galicia para persoas maiores de 60 anos que vivan soas.
A quen vai dirixido?
No caso dos programas do IMSERSO, segundo a última convocatoria realizada, podían beneficiarse do programa, con prezos vantaxosos para as persoas participantes, xubiladas, pensionistas de viuvez con máis de 55 anos; outras persoas pensionistas e perceptoras de prestacións ou subsidios de desemprego con 60 ou máis anos; pensionistas retornados/as e, en xeral calquera persoa maior de 65 anos beneficiaria do Sistema da Seguridade Social.
No que atinxe ás estancias a balnearios da Xunta, vai dirixida a persoas empadroadas en concellos galegos que teñan máis de 60 anos ou máis de 55, se reúnen a condición de pensionistas da Seguridade Social, por xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións. E teñen que valerse por si mesmas para as actividades da vida cotiá. Poden levar acompañante.
Por último, poden beneficiarse de “Xuntos polo Nadal”, persoas empadroadas en municipios galegos que teñan más de 60 anos, se valgan por si mesmas, e vivan soas e teñan que pasar soas as festas de Nadal.
Organismo responsable
IMSERSO e Consellería de Política Social.
Onde e cando
Tramítase nos Servizos Sociais de Valdoviño, unha vez anunciadas as respectivas convocatorias públicas anuais.