É a folla de ruta do Concello en materia de igualdade. Unha estratexia que define a axenda política coa vontade de artellar novas apostas para fortalecer o traballo que se vén desenvolvendo dende o Concello en materia de prevención de violencias machistas e de fomento da igualdade, e cuxa elaboración vén derivada da necesidade de crear un pacto social municipal que xire arredor da loita contra a violencia machista e as desigualdades de xénero.
Trátase dun traballo minucioso centrado no estudo da realidade social municipal e na análise das políticas municipais dende unha perspectiva de xénero. Partindo dunha diagnose social conseguiuse deseñar novas medidas e accións que fortalecen políticas que xa estaban en marcha orientadas á promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. Un traballo asentado na participación e a sensibilización, no que se implicaron activamente o persoal do CRA, do CPI de Atios, da ANPA, da Asociación de Mulleres Rurais, dos clubes deportivo, das asociacións veciñais, grupos políticos… e ás mulleres que ofreceron o seu tempo e esforzo.
Así, o documento contempla medidas que atravesan a administración municipal e activan os medios, mecanismos e recursos necesarios para cumprir coas obrigas legais e incorpora a igualdade de xénero como un tema fundamental no día a día da axenda política municipal.