En que consiste?
É o documento oficial que acredita a condición de familia numerosa e que permite acceder aos beneficios derivados da súa especial consideración e protección. Beneficios importantes que abranguen desde deducións fiscais a vantaxes no eido educativo, lecer e tempo libre, vivenda, transporte…
A quen vai dirixido?
En Galicia, poden optar ao título de familias numerosas as unidades familiares formadas por unha ou dúas persoas ascendentes e tres ou máis fillas/os, sexan ou non comúns aos ascendentes.
Tamén as familias con dous fillos/as cando un deles teña discapacidade ou estea incapacitado para traballar; cando un dos ascendentes teña un grao de discapacidade superior ao 65 % ou ambos estean incapacitados para traballar.
A lei estipula aínda outros casos como a das familias integradas por nai e pai con dous fillos/as cando falecera a outra persoa proxenitora; tres ou máis irmáns orfos de nai e pai ou dous maiores se un deles ten discapacidade, conviven ou teñen unha dependencia económica entre eles; dous/dúas irmáns/ás orfos/as de nai e pai, sometidos/as a tutela, acollemento ou garda, que convivan coa persoa titora, aínda que non sexa a súas expensas. Finalmente, nai ou pai separado/a ou divorciado/a con tres ou máis fillos/as sexan ou non comúns, aínda que pertenzan a distintas unidades familiares, sempre que se atopen baixo a súa dependencia económica.
Poden ser familias numerosas de categoría especial.
Organismo responsable
Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica. Consellería de Política Social.
Onde e cando
O prazo para presentar a solicitude está aberto todo o ano. Nos Servizos Sociais Municipais informarase aos veciños e veciñas dos trámites e documentación precisos para iniciar o procedemento. Pode presentarse en liña no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (código do procedemento BS423A) e de forma presencial. No concello a través do Portelo único ou nas delegacións territoriais da Xunta.