Sequeiro toma o relevo este ano como sede da XXII Mostra de Asociacións de Valdoviño
Está organizada polas entidades veciñais, culturais e deportivas, coa colaboración do Concello e o apoio das cooperativas do municipio
Valdoviño, 1 de abril do 2025. A XXII Mostra das Asociacións de Valdoviño xa ten data e emprazamento. Celebrarase o sábado 10 de maio en Sequeiro. Trátase dun encontro organizado polas entidades veciñais, culturais e deportivas da localidade en colaboración co Concello e o apoio das tres cooperativas -Lago, Meirás e Vilaboa-, que cada ano vai rotando polas diferentes parroquias. Trala pandemia, retomábase en 2023 en Pantín, e continuaba en 2024 en Vilarrube. Neste 2025, a carpa de celebración situarase no adro da igrexa parroquial de Sequeiro.
O guion da mostra arrincará ás 13:00 horas cunha sesión vermouth amenizada polo cantante Álex, á que seguirá o tradicional xantar popular. Xa pola tarde, a veciñanza poderá desfrutar dunha morea de actuacións de baile e música tradicional a cargo das diferentes formacións do municipio, e como fin de festa, actuación estelar de Los Nostálgicos. Ademais, durante toda a xornada, diferentes asociacións contarán cun espazo onde exporán os traballos de manualidades realizados nas diferentes clases -bordado, calceta, ganchillo, pezas de barro…-. Hoxe mesmo, e ata o 2 de maio, ábrese o prazo para que as persoas interesadas en tomar parte poidan adquirir os tickets para a comida a través das diferentes asociacións.
O menú inclúe empanada caseira e callos; churrasco, chourizos vermellos e criollos, e sobremesa -tarta da avoa-, así como café e chupito, refrescos e viños godello e mencía. O prezo é de 25 euros, de 15 euros para os menores de 12 anos, e gratis para os menores de 5 -en todo caso, os seus pais, nais ou titores legais que os acompañen terán que comunicar a súa asistencia-.
