Seitura 22 ofrecerá este martes en Valdoviño unha charla informativa sobre a nova convocatoria de axudas LEADER

Comezará ás 20:00 horas na casa da cultura, con entrada libre

Valdoviño, 2 de marzo do 2026. Valdoviño acollerá este martes 3 de marzo unha charla informativa sobre a nova convocatoria de axudas LEADER, dotada con máis dun millón de euros para proxectos nos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal, Miño e Vilarmaior. O Grupo de Desenvolvemento Rural Seitura22, encargado da xestión dos fondos no noso territorio, ofrecerá toda a información na cita, que se celebrará ás 20:00 horas no auditorio da casa da cultura, con entrada libre.

O prazo de presentación de solicitudes por parte dos promotores de proxectos está aberto ata o 6 de abril. Así, o importe máximo desta liña de axudas é do 50% do investimento, cun límite de 200.000 € de axuda, para proxectos produtivos e xeradores de actividade económica, e de ata o 90% do investimento, cun límite de 50.000 €, para proxectos non produtivos, promovidos por entidades sen ánimo de lucro.

O reparto dos fondos Leader atenden á concurrencia competitiva que marcan as bases reguladoras mediante a aplicación a cada un dos proxectos presentados dos criterios de baremación e selección que define a Estratexia de Desenvolvemento Local do GDR Seitura 22.

NOVIDADES DA CONVOCATORIA

Entre as novidades da nova convocatoria está a ampliación do prazo de execución e xustificación a tres anualidades, de modo que as persoas e entidades promotoras poderán levar a cabo o seu proxecto e inversións ao longo de 2026, 2027 e 2028. En concreto, o 10% do orzamento deberá estar executado antes do remate de 2026, o 40% antes do 1 de xullo de 2027 e o restante 50% antes do 15 de setembro de 2028.

O GDR Seitura 22 conta con dúas oficinas, unha en Ferrol e outra en Ortigueira, para a atención a todas aquelas persoas que teñan en mente a posta en marcha dun proxecto no rural. Tamén pon ao seu servizo os teléfonos 981 333 398 e 981 402 697 e correo electrónico info@seitura22.gal.