SEAGA notificará aos propietarios de 2.500 fincas a obriga de proceder á súa limpeza para cumprir coa Lei de Prevención de Incendios

Conclúen os traballos de inspección do estado da xestión da biomasa nas faixas secundarias dun total de 6.650 parcelas en Valdoviño

Valdoviño, 10 de outubro do 2024. SEAGA, a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, concluía nas pasadas xornadas a inspección do estado da xestión da biomasa nas faixas secundarias nun total de 6.650 parcelas en Valdoviño. Eses traballos de revisión constataron que unhas 2.500 fincas non cumpren coas obrigas marcadas pola normativa autonómica, polo que os seus propietarios recibirán unha notificación da sociedade pública galega para que realicen os traballos de limpeza, roza e retirada de restos de vexetación na faixa de 50 metros perimetral ao solo urbano, núcleos rurais e vivendas illadas, ademais da distancia adecuada a pistas e outros equipamentos. Esas tarefas, ademais da retirada de determinadas especies arbóreas, terían que realizarse antes de rematar o mes de maio de cada ano, tal e como se recolle na lexislación autonómica. Agora, os donos e donas dos terreos que non cumpriron con esa esixencia deberán realizar os labores para evitar a correspondente sanción.

Os labores de inspección por parte da empresa pública responden ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e SEAGA en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais. O Concello de Valdoviño adheríase ao acorde despois de aprobar o seu primeiro Plan Municipal de Prevención de Incendios Forestais.

O plan municipal identifica todas e cada unha das parcelas afectadas polas faixas secundarias de xestión de biomasa. Nese listado pódense consultar as referencias catastrais, a superficie total e a superficie de afección de cada unha das parcelas. As redes secundarias teñen un ámbito municipal e posúen a función prioritaria de protección dos núcleos poboacionais, das infraestruturas, dos equipamentos sociais, das zonas edificadas, dos parques e dos polígonos industriais. Así mesmo, é obrigatorio para as persoas que resulten responsables xestionar a biomasa vexetal.