Sarabela Teatro representará este domingo en Valdoviño “O secuestro da bibliotecaria”
As invitacións para asistir á función, dirixida a un público familiar, poden retirarse na Casa da Cultura entre mañá martes e o xoves
A programación cultural do Concello de Valdoviño traerá este domingo á Casa da Cultura a Sarabela Teatro. No auditorio municipal representará a partir das 18 horas a súa obra «O secuestro da bibliotecaria». Unha función para todos os públicos incluída na Rede Cultural da Deputación provincial da Coruña.
Para asistir ao espectáculo é preciso retirar invitación (un máximo de 3 por persoa) entre mañá martes e o xoves, na Casa da Cultura en horario de 11 a 14 horas.
Así mesmo, dende a Concellería de Cultura lémbrase que o uso da mascarilla é obrigatorio e recoméndase acudir 15 minutos antes do inicio da función por cuestións organizativas.
SIPNOSE DA OBRA
O Consello Municipal está reunido para determiñar se o pago do rescate da bibliotecaria municipal debería figurar como gasto de persoal ou como un gasto do fondo de Cultura… Un brote de varicela entre a banda de secuestradores complica aínda máis as cousas: poucas persoas quedan ben con granos na cara pero para uns ladróns resulta desastroso. O inxenio e o corazón da bibliotecaria raptada fará virar os acontecementos e traerá novidades importantes para a Biblioteca Municipal e para as vidas dos terribles secuestradores.
.