Santiago de Pantín Surf School organiza este sábado unha ruta de paddle surf gratuíta para nenos e maiores pola enseada de Vilarrube

A actividade, para a que se abre inscrición hoxe, forma parte do programa municipal de fomento do deporte no municipio

 Valdoviño, 10 de outubro de 2023. Santiago de Pantín Surf School, en colaboración co Concello de Valdoviño, propón descubrir e desfrutar da enseada de Vilarrube a través dunha ruta de paddle surf. A actividade levarase a cabo este sábado 14 de outubro pola tarde, e forma parte do programa de fomento do deporte que impulsa a Administración local coas escolas de surf autorizadas nas praias da localidade. A participación é gratuíta, con prazas limitadas e inscrición previa a través do whatsapp 646 327 606. 

A ruta está deseñada para nenos/as e maiores. Iso si, os menores de 12 anos deberán estar acompañados/as dunha persoa adulta, e os/as menores de 10 só poderán participar no paddle colectivo. 

A escola facilitará todo o material preciso: táboas de paddle surf e 1 big-sup para 6 persoas, remos e chalecos, e o punto de encontro será o aparcadoiro da praia de Vilarrube este sábado ás 16:30 horas.