Santiago de Pantín organiza unha xornada de iniciación ao surf para nenos e maiores
A actividade é de balde, celebrarase este sábado, e a inscrición está aberta
Valdoviño, 06 de outubro do 2025. Santiago de Pantín Atlantic Surf School organiza unha xornada deportiva de portas abertas dirixida a nenos e nenas a partir de 12 anos e persoas adultas. Nela, as persoas participantes poderán iniciarse na práctica do surf. A sesión é de balde, e celebrarase este sábado 11 de outubro, en horario de mañá. A praia, previsiblemente será Pantín, aínda que dependerá das condicións do mar, puidendo trasladarse a actividade a Vilarrube. As prazas son limitadas, e a inscrición debe realizarse enviando un whatsapp ao 646 327 606 sinalando nome e apelidos e idade.
Ao longo de dúas horas, e tras a entrega dos neoprenos e táboas, realizarase un breve quecemento, uns exercicios de asimilación do xesto en seco, e unha progresión á técnica de «stand up», así como o análise da lateralidade de cada participante, para continuar coa progresión na auga e as correspondentes correccións técnicas.
A actividade forma parte do programa de promoción do deporte en Valdoviño que impulsan as escolas de surf xunto ao Concello no marco da concesión das autorizacións de uso das praias.
