Saen a contratación as obras da terceira e última fase do Centro Sociocomunitario
O Concello estima un investimento cercano ao millón de euros
Valdoviño, 9 de setembro de 2021. Cun investimento de 975.693,80 euros e un prazo de execución de 11 meses, o Concello de Valdoviño saca a contratación as obras da terceira e última fase do Centro Sociocomunitario. Permitirán ampliar a súa superficie e habilitar un centro de día e aulas de formación homologadas para a impartición de cursos. O prazo de presentación de ofertas por parte das empresas estará aberto ata o 26 de setembro e toda a documentación está dispoñible na plataforma de contratación do sector público.
Tras varios meses de obras, o Concello concluía a primeira e segunda fase da intervención, que supuxo a transformación do antigo mercado municipal no actual edificio social. O estalido da pandemia, coincidente co remate dos traballos, limitaba o seu pleno funcionamento e, a día de hoxe, alberga servizos como as terapias de atención para persoas afectadas de alzheimer, así como charlas formativas puntuais e algunhas actividades deportivas que se prevén retomar neste trimestre como ioga.
O Concello sacaba a licitación as obras desta terceira fase a finais de xuño, aínda que nesa primeira convocatoria quedaban desertas e en agosto o pleno aprobaba por unanimidade volver a sacar os traballos a licitación.