Ryan Kainalo e Serra Kerr, campións do QS 6000 International do Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2026

O evento reuniu a máis de 300 deportistas en nove xornadas frenéticas que arrincaron co surf adaptado a pasada fin de semana; os triais, o luns; e o broche, hoxe coa elite

Valdoviño, 29 de agosto do 2026. Máis clásico Pantín ca nunca. Día soleado, máis dun metro sólido no pico pegado á pedra. E mangas de dous competidores para proclamar a proba raíña do Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2026: o QS 6000 International, un ascenso de categoría no circuíto da World Surf League (WSL) que posibilitou o regreso, á mítica praia do Concello de Valdoviño, de surfistas chegados desde todos os recunchos do mundo. En realidade, o evento reuniu a máis de 300 deportistas en nove xornadas frenéticas que arrincaron co surf adaptado a pasada fin de semana; os triais, o luns; e o broche, hoxe coa elite.

As boas condicións dos últimos catro días, grazas a un mar de fondo consistente e varios bancos funcionando en todas as mareas, permitiron iniciar este día só coas roldas decisivas por disputar. No cadro masculino, o brasileiro Ryan Kainalo empezou a cimentar o seu camiño cara á final ao derrotar na primeira manga da xornada ao estadounidense Levi Slawson. O de Ubatuba explotou con 20 anos e atopábase antes deste campionato na oitava posición do circuíto clasificatorio QS. Desde o primeiro momento, Kainalo amosouse cheo de confianza e, cun total de 11.57 puntos (6.07 e 5.50), desfíxose do norteamericano (9.23) con claridade. Pola súa banda, Kobi Clements, fillo do lendario Steve Clements, que vestiu a licra en Pantín na década dos noventa, avanzou ata as semifinais ao impoñerse ao vasco Hans Odriozola (que compite por Alemaña). Odriozola atopárase en perfecta sintonía con Pantín nos días previos, pero nos cuartos de final non conseguiu sintonizarse co Atlántico, e o talentoso australiano acabou relegándoo a un, de todos os xeitos, meritorio quinto posto.

Xa en semifinais, Ryan Kainalo enfrontouse a un dos favoritos, Ian Gouveia. O seu compatriota xa sabe o que é formar parte da selecta nómina de surfistas do Championship Tour (CT) e nos cuartos de final demostrou ante o australiano Eden Hasson  o seu potencial ao firmar un 8.17 e un 6.77, para un total de 14.94. Pero en semifinais foi Kainalo, que chegaba como un dos tapados, quen exhibiu a súa mellor versión e con dous potentes xiros nunha esquerda e un aéreo e un peche inmellorable nunha dereita continuou na pelexa polo título.

Na outra semifinal, Clements freou o idilio de Jorgann Couzinet coa costa de Ferrolterra. Aquí gañou en 2017 e quedou subcampión en 2024. O francés incluso logrou un 9.17 na manga, cun xiro vertical e un extraordinario layback. Pero non puido atopar unha segunda ola que lle dése o pase á rolda decisiva. Necesitaba unicamente un 4.73.

Na final, Ryan Kainalo empezou impresionando aos xuíces cunha primeira nota preto do rango da excelencia, cun 7.17 grazas a dous xiros realmente sólidos. A resposta de Kobi Clements chegou aos dez minutos do inicio da manga en forma dunha combinación de manobras que selou torturando o labio da ola coas tres quillas. Un 8.67 que o levou a liderar la manga ata case o último suspiro. Porén, nun último esforzo, Kainalo deulle a volta cun aéreo full rotation que o converteu no gañador desta edición do QS6000 International do Abanca Pantín Classic Galicia Pro. “Foi incrible. Cometín un erro na ola que lle deixei a Kobi, pero sabía que tería unha última oportunidade e Deus envioume esa ola”, explicou Kainalo, quen engadiu: “Era a miña primeira vez aquí en Pantín e quería gañar onde tantos brasileiros fixeron grandes actuacións”.

No cadro feminino, Carla Morera de la Vall terminou a súa extraordinaria participación no Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2026. A competidora máis nova de todas as que chegaron ás roldas finais, con tan só 15 anos, caeu derrotada pola portuguesa Maria Salgado na primeira manga de cuartos de final. A lusa demostrou durante todo o campionato ser unha surfista sólida e fiable. E en semifinais, con esa forma tan cartesiana de competir, eliminou á vasca Janire González Etxebarri, grazas a un 6.33 e 5.83, para plantarse na manga decisiva.

Polo outro lado do cadro feminino, un dos grandes prodixios do surf mundial, Sierra Kerr, filla de Josh Kerr, un dos surfistas australianos máis destacados da época recente, amosouse intratable en cada unha das súas mangas. Venceu en cuartos de final á xaponesa Anon Matsuoka e en semifinais fixo un despregue impresionante de surf de primeiro nivel para deixar na cuneta á estadounidense Eden Walla. Aéreos, xiros radicais e determinación, para unha puntuación total de 15.00 puntos (7.83 e 7.17), catapultárona á gran final.

Na manga que decidiu a campioa, a recente gañadora do US Open tampouco deu opción. Unha primeira ola, de 7.50 puntos, enlazando xiros ata case a orilla, deulle o control total sobre Maria Salgado, que asinou un sensacional segundo posto.

“Estou moi contenta, porque as condicións aquí en Pantín son moi cambiantes e podes pasar de ter olas case perfectas a quedar totalmente parado, así que é moi complicado conseguir gañar”, destacou a campioa, que encomiou o escenario natural da praia do Concello de Valdoviño.