Rosana García, primeira tenente de alcalde de Valdoviño, nova deputada na Deputación Provincial da Coruña
Concelleira dende hai 16 anos, e con responsabilidade de goberno nos últimos 8, conta con ampla experiencia na xestión municipal
Valdoviño, 18 de xullo do 2023. Rosana García, primeira tenente de alcalde de Valdoviño, prometía hoxe o cargo de deputada provincial no pleno extraordinario de constitución da nova corporación provincial. A tamén concelleira de Servizos Sociais, Cultura, Educación e Turismo entraba a formar parte da Deputación que presidirá, por terceiro mandato consecutivo, Valentín González Formoso.
Á sesión plenaria tamén acudiu o alcalde, Alberto González, quen destacou que por primeira vez Valdoviño conta cunha deputada na institución, con ampla experiencia no ámbito municipal. Neste sentido, Rosana García é concelleira dende hai 16 anos, con responsabilidades de goberno durante os últimos 8 exercicios, ao fronte de áreas estratéxicas como Educación, Cultura, Servizos Sociais, Igualdade, Sanidade ou Turismo.
Comentarios