Rosalía xa surfea na Frouxeira
O pintor Manuel Carballeira asina o mural que, dende hoxe, Día de Rosalía, loce na contorna da praia pequena
Valdoviño, 23 de febreiro de 2022. Dende primeiras horas da mañá, o pintor Manuel Carballeira, profe da Aula municipal de Artes Plásticas, apuraba os últimos trazos do mural de Rosalía en Valdoviño. Con suma precisión e mestría, escribía co pincel os últimos versos dos máis de 80 poemas da poetisa que locen nas ondas en forma de follas sobre as que Rosalía, dende xa, surfea na Frouxeira.
Ese foi o encargo realizado polo Concello de Valdoviño ó artista coa mirada posta no Día de Rosalía que celebramos hoxe. E a partir da idea de vencellar á nosa autora máis universal co surf tan presente en Valdoviño, Manuel Carballeira comezou a deseñar o seu boceto. Un traballo que trasladaba o sábado á contorna da praia pequena, utilizando como lenzo unha das paredes da caseta de servizos. Tras varias xornadas de creación, o resultado está á vista, unha imaxe realmente espectacular de Rosalía que surfea sobre moreas de follas e poemas cos que o Concello quere homenaxear e divulgar a súa figura e obra.