Rosa Aneiros protagoniza este sábado unha nova edición do programa Son de aquí e escribo

Prazo aberto na Casa da Cultura para retirar as invitacións para asistir ao encontro coa escritora de Taraza na Biblioteca

Rosa Aneiros é de aquí e escribe. E, cumprindo á perfección co título do programa cultural que o Concello de Valdoviño inauguraba co gallo do Día do Libro, a escritora de Taraza será a próxima protagonista do mesmo. Participará do encontro cos lectores e lectoras este sábado ás 19 horas na Biblioteca Municipal, e aqueles e aquelas que desexen asistir xa poden retirar as súas invitacións na Casa da Cultura (de 11 a 14 h e de 16 a 20 horas ata o venres ou completar aforo). 

Rosa Aneiros compartirá co público asistente a súa inspiración e proceso creativo, e poderemos aproveitar a ocasión para falar tamén de «Sibila», a súa última novela. Unha obra longamente esperada polo público despois de que a autora adicase os últimos anos á literatura infantil. Precisamente, este será un encontro participativo, no que o público poderá conversar pausadamente coa escritora de Valdoviño. 

Rosa Aneiros converterase na terceira escritora local que participa no programa «Son de Aquí e Escribo», trala participación da docente Jessica Sabín e da poetisa Medos Romero. Un programa no que escritores e escritoras do municipio, con obras publicadas ou simplemente amantes da escrita, comparten co público ese proceso.