Rosa Aneiros presenta en Valdoviño a súa última novela, “A noite das cebolas”

O encontro cos lectores terá lugar este venres ás 19:30 h na Biblioteca

Valdoviño, 4 de xuño de 2024. A escritora valdoviñesa Rosa Aneiros presenta este venres na súa terra a súa última novela, «A noite das cebolas». A biblioteca municipal acollerá o acto a partir das 19:30 horas, no que a autora contará co acompañamento musical do cantautor Óscar Fojo. A entrada é libre, e ao remate, a escritora asinará exemplares da súa obra. Unha apaixoante novela, editada por Xerais, sobre a beleza, a fraxilidade, a observación da natureza, os coidados, a memoria tramposa, a culpa e a íntima alegría de sentirse viva no medio dunha noite negra.

Previamente, a xornalista participará no Foro Galego Literario, no que compartirá experiencias lectoras ao redor da súa obra, elixida para protagonizar a sesión deste venres. Un programa cultural que promove o Concello de Valdoviño, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e guía o investigador, profesor e escritor Antón Cortizas. Neste caso, unha xuntanza con Rosa Aneiros só aberta aos participantes no foro.