Richi Casás presenta este mércores en Valdoviño a súa obra “Fuliada na Vila”

O acto, aberto á cidadanía, dará comezo ás 18:00 horas na Biblioteca

Valdoviño, 17 de xuño do 2025. O Foro Galego Literario ábrese este mércores ao público para acoller a presentación do libro «Fuliada na Vila», do músico Richi Casás. O acto dará comezo ás 18:00 horas na Biblioteca Municipal, coa intervención do director do foro, o escritor e profesor Antón Cortizas, que dará paso de seguido ao autor protagonista da sesión, para propoñernos unha viaxe aos mundos musicais e emocionais da súa traxectoria.  

As gravacións que a musicóloga suíza Dorothé Schubarth recolleu na casa de súa avoa Rosa -unha das homenaxeadas este ano nas Letras Galegas- son o punto de partida da aposta artística de Richi Casás. Sobre esta herdanza, o saxofonista edifica unha novidosa proposta musical na que conflúen varias culturas: das pandeiretas ás orquestras; dos ritmos latinos ao jazz. Ademais, no texto que guía a narración do libro, Richi Casás reflexiona acerca de diversos temas, como a función social da música de raíz ou o papel que deben xogar os arquivos que a conservan. Tamén sobre os valores do mundo rural, que o autor peneira, igual que fai coas músicas, para ofrecer unha proposta de futuro.

A presentación en Valdoviño do libro, editado por aCentral Folque, conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística a través da liña de subvencións para a promoción do uso da lingua galega.