Reunións informativas este martes sobre o Plan Municipal de Mobilidade Sostible
Abertas á veciñanza, celebraranse no auditorio ás 11,30 e ás 19,30 h
O Concello de Valdoviño celebrará este martes 2 reunións informativas sobre o Plan Municipal de Mobilidade Sostible. Celebraranse no auditorio municipal en horario de mañá ás 11,30 h e de tarde ás 19,30 h para facilitar a asistencia da cidadanía. Estarán guiadas polos técnicos redactores do documento, quenes estarán a disposición dos asistentes tanto para explicar en que consiste, como para aclarar as dúbidas que se lles queiran plantear.
Así mesmo, acudirán tamén as persoas encargadas da elaboración do Plan de Acción para O Clima e a Enerxía Sostible (PACES), incluído no Pacto das Alcaldías, no que participa o Concello de Valdoviño, e que ten como principal obxectivo a redución de emisións de CO2.
O novo Plan de Mobilidade Sostible servirá como ferramenta de planificación estratéxica do territorio a través do fomento dunha mobilidade sostible, que procure unha accesibilidade universal e implique transformar múltiples hábitos da mobilidade urbana. Así mesmo, permitirá prever acciones para incorporar na planificación urbanística do PXOM. A implantación de formas de desprazamentos máis sostibles (camiñar, bicicleta, transporte público) está estreitamente ligada á redución da contaminación, mellora do entorno urbano e ao impulso da inclusión social. Para a súa elaboración buscouse a participación e implicación da veciñanza, a través da posta en marcha dunha enquisa de mobilidade e a apertura de diferentes vías para que a cidadanía achegase as súas propostas.